O I Coloquio Internacional BiFeGa: Literatura, Cultura, Tradución e Interpretación terá lugar os vindeiros días 4, 5 e 6 de xullo en modalidade semipresencial, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Será retransmitido pola canle directo 1 de UVigo TV https://tv.uvigo.es/directo1.
O evento, organizado polo grupo de investigación BiFeGa-UVigo, no que participa alumnado e profesorado do PDIEL, reúne a maioría do seu persoal investigador permanente e en formación. A través de diferentes conferencias e comunicacións presentaranse as súas múltiples liñas de investigación, as teses de doutoramento en curso, as súas máis recentes publicacións, así como as redes e proxectos de investigación e innovación en vigor.
Un dos obxectivos principais do Coloquio é visibilizar o labor investigador do grupo, reforzar as sinerxias e a súa cohesión, amosando unha das súas caracterísiticas fundamentais: a interdisciplinaridade.
O grupo BiFeGa-UVigo desexa contribuír a unha divulgación científica de calidade no ámbito das Humanidades, cunha proxección internacional que xa teceu alianzas con outras universidades a nivel global, como a University of Warwick, University of Maine, ou as Universidad Nacional de La Plata, Università degli Studi di Padova, Universidade Federal Rio Grande do Sul, entre outras.
O I Coloquio Internacional BiFeGa está aberto ao público xeral, aínda que pode ser de especial interese para investigadoras/es en estudos literarios, culturais, tradución e investigación. A súa transversalidade metodolóxica pode resultar atractiva tamén para investigadoras/es doutros ámbitos pola súa conexión cos eidos histórico, filosófico, político e social, entre outros.
O programa completo pode ser visualizado e descargado aquí.
O Coloquio contará con dúas conferencias convidadas:
Conferencia de apertura (virtual), día 4 de xullo, 10.30-11.15h
«Tradución e sustentabilidade ante a crise do capitalismo: alternativas necesarias á economía neoliberal» (Olga Castro, University of Warwick)
Os niveis de burnout na sociedade actual están en máximos históricos (Han 2015). Á súa vez, estase a dar un crecemento exponencial das críticas ao poscapitalismo por impedir este un desenvolvemento sustentábel (Gibson-Graham 2006). No que atinxe á tradución, estudos recentes realizados no ámbito anglosaxón apuntan a que os programas académicos apenas abordan aspectos relacionados coa sustentabilidade da profesión (Moorkens 2017); no seu lugar, céntranse en afondar na figura dx tradutor/a como suxeito neoliberal que poida venderse como autónomx, competir no mercado capitalista de maneira individualista e levar a cabo unha constante actualización tecnolóxica. Partindo desta constatación, este relatorio ten dous obxectivos. O primeiro é investigar de que xeito se adoita presentar a profesión da tradución nos mestrados universitarios do mundo occidental, con especial énfase no espazo anglosaxón. O segundo obxectivo é avaliar até que punto a profesión da tradución pode ser sustentábel desde un punto de vista económico, social e ambiental. Neste relatorio analizarei a súa utilidade para (a) atallar o impacto que supón para o medio a necesidade incesante de adquirir novo software e hardware, (b) presentar modelos de traballo colectivo e cooperativo, e (c) analizar como a cultura de traballo da dispoñibilidade constante afecta á xestión das responsabilidades familiares e dos coidados.
Olga Castro é profesora titular de Estudos de Tradución na Universidade de Warwick, en Gran Bretaña, onde dirixe o mestrado ‘Translation and Cultures’ e é subdirectora de estudos de posgrado na Escola de Linguas e Culturas Modernas. Emigrou a Gran Bretaña no 2010, despois de doutorarse pola Universidade de Vigo, con mención europea e premio extraordinario de doutoramento, cunha tese dirixida por Burghard Baltrusch e Belén Martín Lucas. Está licenciada en Xornalismo pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo.
Conferencia de clausura (presencial), día 6 de xullo, 12:30-13:30h
«De mar a mar. Por que internacionalizar a literatura galega, para que e como facelo?» (Kathleen March, University of Maine)
‘De mar a mar’ suxire unha canción en inglés sobre as dúas costas dun país. Porén, no noso contexto, alude a un país de anglofalantes que representan moitos posibes lectores e con eles un mercado grande de vendas. As vendas só van ser realizadas se o posíbel público ten interese por unha literatura, neste caso a galega. Preguntármonos por que internacionalizar a literatura galega de feito abrangue as preguntas de para que e como acadar ese obxectivo? Nunha palabra: Que ten a literatura galega, que ten a súa cultura, que mereza ser internacionalizada? A tradución pode ofrecer unhas respostas, moitas delas non son lingüísticas senón didácticas e algo máis. A ‘America the beautiful’ da canción ten a obriga de saber máis do resto do mundo.
Kathleen Nora March é catedrática emérita de español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio, logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía de Castro. As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel, que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón. Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (AIEG). En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior.