Rocío Hernández AriasTitulo:
Semiótica de la utopía libertaria hispánicaDirectora:
Carmen Luna Sellés (UVIGO)Liña de investigación:
Literatura en lengua española y literatura comparadaResumo:
No século XVI Thomas More inicia o xénero utópico proporcionándolle unhas características específicas de construción que, en primeiro término, distinguen, de xeito binario, entre unha parte crítica coa sociedade contemporánea do autor e unha descritiva na que se presenta a sociedade ideal que este imaxina. Para poder construír este texto, o autor sérvese de certas estratexias literarias, así como de topos, que permiten construír o texto de xeito interno para que, a ollos dos lectores, sexa literario e verosímil. Estas estratexias das que se serve More serán reutilizadas polo resto de utopistas, tanto os do século XVI como os posteriores, que, ademais, irán incorporando outras novas para conformar unha semiótica do xénero utópico, un conxunto de signos e topos literarios que se utilizan para configurar este subxénero literario e que permanecen constantes, con pequenas variacións, ata o século XIX, cando fai o súa aparición a ucronía e prodúcese un cambio importante na construción dos textos. Debido a que unha das partes das utopías literarias é a crítica á sociedade contemporánea do autor, non é de estrañar que a finais do século XIX e principios do XX os textos utópicos estean inmersos nas doutrinas socialistas, que rexeitan de xeito frontal a sociedade da súa época e propoñen unha nova forma de organización social que, ademais e por forza, debe situarse nun futuro, xa que estas doutrinas aspiran a realizar un cambio real na sociedade a través da Revolución. A utopía libertaria hispánica dá conta desta situación, desta necesidade de cambio social e dos males da sociedade capitalista. Desde os primeiros teóricos anarquistas, incluíndo a Proudhon, como inspirador do movemento e aos seus últimos representantes, escríbense textos nos que subxace a intención utópica. Aínda que non todos os autores libertarios escriban utopías literarias, o feito de que susciten unha nova forma de organización social esencialmente distinta daquela na que viven conéctaos directamente co xénero utópico. En España, Arxentina e Uruguai as doutrinas anarquistas subsistiron máis aló do cambio de século, ata os anos trinta, cando a guerra civil española e o ascenso do socialismo esgótanas. Nestes lugares, a produción de textos de inspiración utópica é bastante produtiva, pero, ademais, son tamén representativas as utopías literarias, que propoñen, en forma de novela, novas sociedades. A obra dos teóricos do anarquismo, como son Bakunin, Krotpokin ou Malatesta únese, nestes textos, á dos propios teóricos hispánicos e a elas trasládanse as aspiracións do movemento para configurar unha nova sociedade ideal. O contexto histórico-social do anarquismo, as teorías filosófico-políticas do mesmo e os cambios en materia socio-cultural que o movemento propón son esenciais para a construción destes textos. Pierre Quiroule, un emigrante francés asentado en Bos Aires e Alfonso Martínez Rizo, un enxeñeiro español anarquista son os máis famosos autores de utopías literarias anarquistas no ámbito hispánico, pero, á súa obra hai que engadir, ademais, algúns relatos breves nos que aínda que non se atopan todas as características do xénero, si aparecen algunhas delas.Entrada no programa:
Data da defesa: 17/12/2019
Acceso: https://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/handle/11093/1417
2014-2015Palabras clave:
Utopía, anarquismo, semióticaTraducción:
English